top of page

 

      Nos últimos anos, vense advertindo a necesidade dun cambio nas metodoloxías empregadas nas aulas coa finalidade de que a acción educativa conecte cos intereses do alumnado e teña como resultado aprendizaxes profundas e significativas. 

Con este obxectivo, e baseándose no novo currículo introducido nalgúns cursos da Educación Primaria, o claustro do Ceip Cruceiro propúxose organizar unha "semana medieval", temática escollida por estar estreitamente relacionada co proxecto anual levado a cabo no centro (Don Quixote). 

      A proposta xurdiu, inicialmente, do Equipo de Biblioteca cunha única premisa: traballar sen libros de texto durante unha semana. 

      Ao final da mesma, reserváronse dous días para a celebración da Feira Medieval, é dicir, a escenificación e posta en práctica do traballo realizado nas aulas. 

 

      Así pois, cada nivel decidiu cal sería o seu papel na Feira. Xurdiron as seguintes iniciativas:

 

- Nenos e nenas de Cuarto de Infantil: "obradoiro de xoiería". Modelaron abalorios en arxila, pintaron e , durante a feira, montaron colares e pulseiras. 

- Nenos e nenas de Quinto de Infantil: "xogos de mesa medievais". Elaboraron xogos como os bolos, tres en raia, a rá... Na feira, estiveron a disposición de todo o alumnado para probalos.

- Nenos e nenas de Sexto de Infantil: "obradoiro de barro". No seu posto ofrecéronse figuras xa rematadas e tamén a posibilidade de modelar "in situ".

- Nenos e nenas de Primeiro de Primaria: "escola de menciñeiros". O alumnado de primeiro levou a cabo unha exhaustiva investigación sobre plantas medicinais, ornamentais e especias. No seu posto ofreceron unha completa información sobre o tema , así como a posibilidade de mercar diferentes plantas recollidas por eles mesmos.

- Nenos e nenas de Segundo: "panadeiros". Busca de receitas, técnicas de amasado, tempos de cocción, historia do pan... No seu posto ofreceron boliños recén saídos do forno.

- Nenos e nenas de Terceiro: "teceláns". Elaboraron cadanseu tear caseiro e practicaron varios días. Na Feira, puxeron á venda uns tapetes ben xeitosos e fixeron demostración das súas técnicas de tecido.

- Nenos e nenas de Cuarto:  foron os pregoeiros do evento. Deseñaron os carteis de anuncio , escribiron e deron lectura ao pregón.

- Nenos e nenas de Quinto: ofreceron xabóns artesanais que previamente elaboraron con esmero. Así mesmo, os/as que se achegaron, puideron coñecer todo o proceso e facer a proba.

- Nenos e nenas de Sexto: convertéronse en xornalistas para facer a reportaxe da Feira: preparon as entrevistas, manexaron as cámaras e editaron os vídeos. Ademais, o alumnado deste nivel tamén se puxo á fronte do banco no que todos os nenos e nenas foron a cambiar os seus euros por marabedís (moeda necesaria para facer as compras na Feira).

 

     

     Todo isto supuxo, por parte do alumnado, un profundo traballo de investigación, organización da propia acción e toma de decisións, dende a colaboración e o traballo en equipo. 

 

     Resultou ser unha actividade altamente motivadora na que se puxeron en xogo múltiples contidos e competencias dando resposta á diversidade. 

 

      

 

bottom of page